TEATRO NACIONAL NEGRO DE PRAGA
'Las aventuras del Barón Munchaussen'
Patrocinado por Caixanova
TEATRO PRINCIPAL
Martes, 12 de maio ás 21:30 h.
Entrada: 10 €
Cando o mundo da infancia está a piques de desaparecer, enterra en cada un de nos algunhas das súas imaxes trazando unha misteriosa cartografía no fondo da nosa memoria amordazada pola traizón do cotiá, pero que está aí, latente, ofrecendo unha posibilidade constante de ser desentrañada e de desenterrar aqueles rumores de lenda, mito i espexismo que entón nos fixeron sentir tanto.
E teño a seguridade de que para moitísimos de nós, nesa especie de lugar onde habitan os personaxes da nosa nenez, como aqueles deuses do exilio de Heine que se resisten a morrer, pero que permanecen nun limbo fora do real, nese lugar de refuxio da fantasía ferida, reina entre moitos, o rei dos tolos, o Barón de Munchaussen, protagonista deses dous marabillosos textos alemáns, asinados por Raspe e Bürger e que desencadea en nós un torrente de imaxes fabulosas...o cabalo do Barón atado á punta máis alta dun campanario, cando todo un pobo xurde do desxeo, o propio Barón atravesando o ceo sobre unha bala de canón ou aferrado a unha bandada de patos, o seus increibles criados, a pavorosa imaxe da morte......e un sen fin máis que o converte nun dos libros máis máxicos que un neno pode ter nas súas mans.
E se esta idea cae nas mans dunha compañía, o Teatro Nacional Negro de Praga, que transforma en prestidixitación e feitizo encantado o acto teatral, estamos ante unha das oportunidades da nosa vida de asistir este martes a un espectáculo extraordinario, sen que entendamos esta palabra no seu banalizado sentido “ordinario”, senón, no que significa realmente: único, fora do común, insólito, á marxe do real.
A técnica do teatro negro consiste no uso da chamada “luz negra” que unicamente ilumina os homes e os obxectos tratados con fosforescencia. O resultado é unha explosión de cores dunha viveza extrema e converter o escenario nun lugar onde non rexen as leis da física e onde todo, absolutamente todo, é posible, abríndose unha terceira dimensión espacial no habitual desenvolvemento das representacións en paralelogramo plano.
O uso xa comentado da luz, do mimo, da música e o son, das proxeccións, do baile, baixo os raios case imaxinarios da luz ultravioleta, son os instrumentos que esta magnífica compañía, coñecida en todo o mundo, usa para propoñernos esta viaxe ao mundo dos contos, esta recuperación do noso imaxinario mítico esquecido. A “luz negra” foi descuberta en 1801 polo físico alemán Johan Wilhelm Ritter i describiuna como raios invisibles situados xusto detrás do extremo violeta do espectro visible. Quizais sexa isto unha certeira metáfora do que o teatro, e a arte, poden facer por cada un de nós: abrir as portas para ampliar o noso espectro visible, presentar ante os nosos ollos o invisible.
PD.- Aqueles que teñan unha cultura máis visual, quizais lembren a versión cinematográfica, dirixida por Terry Gilliam, cun John Neville inesquecible e na que xa despuntaba unha novísima Uma Thurman, absolutamente arrebatadora
jueves, 7 de mayo de 2009
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario