miércoles, 6 de abril de 2011

"IN" DE ELEFANTE ELEGANTE

"IN"

COMPAÑÍA ELEFANTE ELEGANTE

TEATRO PRINCIPAL. 15 DE ABRIL. 21:00 HORAS

ENTRADA: 5 €


A compañía Elefante Elegante traerá á Estrada o seu espectáculo “In”, que se representará no Teatro Principal o vindeiro 15 de abril, ás 21:00 horas. O custe da entrada será de 5 euros.

“In” é un espectáculo que fusiona o teatro coa danza, o vídeo e as artes plásticas, indagando na representación contemporánea da figura social. “In” quere dicir “dentro” en inglés, e “to be in” significa estar de moda. Desde este xogo de palabras, confróntase a identidade individual coa imaxe que as persoas queren proxectar de si mesmas, intentando disfrazarse e manipular o seu contorno. Búscase, así, dar resposta á dúbida de se somos realmente o que parecemos, ou o que pretendemos parecer.

A acción desenvólvese ao redor da celebración dunha voda. A actitude afectada e hipócrita dos noivos e convidados esgótase rapidamente para dar lugar a comportamentos de envexa e ciumes, cun pretendido ideal de beleza como pano de fondo. “In” é un espectáculo recomendado para público a partides dos 12 anos, que combina na súa estrutura elementos de Bertold Brecht e de contos populares de Hans Christian Andersen. A obra está escrita e dirixida por María Torres, e a escenografía corre a cargo de Gonçalo Torres.

O Elefante Elegante foi unha compañía creada en 2007 de orixe galego-portuguesa. Os seus espectáculos teñen sido acollidos en Galicia, Portugal, Bélxica, Suíza, Francia e Italia. Crea espectáculos de teatro visual baseados no xesto e no movemento. As súas obras buscan a universalidade, xurdindo da fusión de diferentes linguaxes escénicas.

martes, 8 de febrero de 2011

PABLO CARBONELL EN CONCERTO


PABLO CARBONELL
DOMINGO DÍA 13 ÁS 20:00 HORAS
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 10 €


"CANCIÓNS DE CERCA" É O NOVO ESPECTÁCULO DE PABLO CARBONELL NA SÚA FACETA DE MÚSICO.

O EX-SOLISTA DE "LOS TOREROS MUERTOS" E COLABORADOR ENTRE OUTROS PROGRAMAS DE "CAIGA QUIEN CAIGA" OU "EL INTERMEDIO", ACHEGA Á ESTRADA UN ESPECTÁCULO DIFÍCIL DE DEFINIR, NO QUE SEMPRE EXISTE UN CERTO COMPOÑENTE DE IMPROVISACIÓN E NO QUE SE MISTURA A MÚSICA, CO HUMOR E CO TEATRO.


lunes, 31 de enero de 2011

MEMORIAS DUN NENO LABREGO


MEMORIAS DUN NENO LABREGO
CANDIDO PAZÓ
VENRES 4 DE FEBREIRO ÁS 21:00 HORAS
ENTRADA: 5 €


Candido Pazó é moito máis cun monologuista ou contacontos. É unha porta sempre aberta ao mundo da fantasía e os moitos que nalgures desfrutaron do seu talento descomunal coñecen esa sensación de soño e viaxe que producen as súas verbas.

Nesta ocasión, e aproveitando o 50 aniversario da publicación dun dos libros de referencia da literatura galega, achégase A Estrada para proporcionarnos a posibilidade de asistir a un espectáculo absolutamente inesquecible.

jueves, 28 de octubre de 2010

"BASILIO" DE GALITOON


"BASILIO" DA COMPAÑÍA GALITOON

ESPECTÁCULO INFANTIL

SÁBADO DÍA 30 ÁS 12:00 HORAS

ENTRADA: 3 €

TEATRO PRINCIPAL



A compañía de teatro, TV e espectáculos Galitoon fará na Estrada o próximo sábado, 30 de outubro, a estrea absoluta da súa última produción. Será a partires das 12:00 horas, con entrada a 3 euros. Esta actuación inclúese dentro da temporada de outono da programación cultural municipal.

Con Basilio, meu amigo imaxinario, Galitoon volve apostar polo gran formato, polas historias de aventuras nas que se mesturan personaxes de carne e óso con monicreques. Unha viaxe a través da vida dunha nena, dos seus amigos e dos seus medos. A obra, cunha duración de 50 minutos, está dirixida a nenos e nenas a partires dos 5 anos.

Raquel é unha nena moi sensible e cunha imaxinación desbordada, por iso, os pequenos medos que a maioría de nenos e nenas da súa idade xa superaron, nela seguen vivos. Raquel témelle á escuridade, aos tronos, ás sombras, ao vello armario da avoa, a que non a queiran as súas amigas, a que Pablo, o rapaz que lle gusta, pense que ela non é unha rapaza maior.

Aínda que Raquel quere ser grande, séguenlle gustando os seus vellos xoguetes de pequena, sobre todo os seus peluches: Basilio, agasallo do seu avó e Braulio, obsequio do seu pai.

Todos os días, Raquel fai o mesmo ao chegar do cole: " Aburrirse!", segundo ela. Ata que unha tarde, unha chamada telefónica, unha caixa, unha tormenta, o armario da avoa e os seus peluches máis queridos, obrigarán a Raquel a facer unha viaxe inesperada ata os confíns dos seus medos.

Desde a súa creación en 2005, a compañía teense Galitoon ten representado na Estrada varios espectáculos para un público infantil, como Babiliglub.

martes, 26 de octubre de 2010

BAMBALINAS ASESINAS: "MATÉ A UN TIPO"


COMPAÑÍA BAMBALINAS ASESINAS
"MATÉ A UN TIPO"
DÍA 29 DE OUTUBRO
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 10 €



¿Quen non sentiu verdadeiros desexos de matar ao tipo que demora horas diante de nos no caixeiro automático? ¿Encubrirías á túa parella ou aos teus pais se te confesara que se converteron de repente nun atípico asasino en serie?

Maté a un tipo é unha comedia negra protagonizada por Sergio Pazos e Tonino, que se converte nun drama surrealista ata que un un psicólogo empeza a afondar nas relacións dunha familia de clase media na que o hábito de matar remata por converterse nun vicio

miércoles, 13 de octubre de 2010

CARLOS BLANCO: SÓ

"SÓ"
De Carlos Blanco
DÍA 16 DE OUTUBRO
ENTRADA: 10 €
TEATRO PRINCIPAL


Só.

No camiño.

Carlos Blanco afronta un novo reto: falar do Camiño.

Con Humor:

A onde van os peregrinos de medio mundo a toda velocidade?

Que présa teñen?

Que fan as capelas do Camiño pechadas se a restauración das mesmas se fai con cartos de todos?

Por que hai tanto lixo nas cunetas?

Hai sexo no camiño?

Que entendemos polo "Camiño do Francés"?

Cantos/as fan o Camiño por fe ou inquedanzas relixiosas?

É o camiño a Fisterra un "bis" do de Compostela?

Prisciliano ou o Apóstolo Santiago?

Estas e outras preguntas quedarán novamente sen resposta, pero habemos botar unhas risas, claro, porque o Camiño de Santiago pode ter tantas lecturas coma posibilidades hai de facelo.

Existen servizos de traslado de mochilas. Hai viaxeiros VIP, naturalmente, e excelentes casas de turismo rural ao dispor dos/as viaxeiras.

De todo iso fala Só. Un percorrido que remata en Compostela (ou en Fisterra, se o público quere).

Un campo de estrelas, un diálogo aberto con outros mundos, unha homenaxe ao Mestre Gila, un espazo de liberdade e creatividade para tempos incertos.

Todo iso e máis é "Só".

Humor e hip hop, rutas satánicas e carballeiras, atascos e dores de pernas, bicicletas e pintadas.

E a hostalería. Sempre.

Todo iso é "Só".

Un espectáculo imprescindible para este Xacobeo, unha visión nova de algo eterno.

O/Os Camiños a Compostela.

lunes, 3 de mayo de 2010

"PALABRAS ENCADEADAS"
DE TALÍA TEATRO
DÍAS 7, 8 E 9 DE MAIO ÁS 21:00 HORAS
ENTRADA: 5 €
TEATRO PRINCIPAL


Un psicópata e a súa vítima, secuestradas nun espazo sen posibilidade de fuxida aparente, van descubrindo a súa historia, onde o que é certo e falso prende sempre dun fío. Na busca da verdade que os levou a esta situación extrema, o papel de culpable vai de man en man e, o que parecía un final previsible, transfórmase en inevitable.O hábil manexo do suspense vai sorprendendo ao espectador cun texto con imprevisibles xiros dramáticos que cruza de xeito apenas perceptible en múltiples ocasións as liñas entre verdade e mentira.

Con este espectáculo, Talía Teatro recibiu os premios María Casares de Teatro ao mellor director para Artur Trillo e mellor actor protagonista para Toño Casais. Para esta ocasión, o Teatro Principal da Estrada habilitou un graderío especial situado dentro do escenario que acerca dun modo absoluto ao público coa escena na búsqueda dunha maior comunicación entre actor e espectador.

En cada unha das funcións haberá espazo para un máximo de únicamente 60 persoas. Recomendamos reservar as entradas con antelación dos seguintes modos:

Email: cultura@aestrada.com
Telf: 986573601

viernes, 16 de abril de 2010

UTOPÍA de "LEO BASSI"


LEO BASSI
"UTOPÍA"
VENRES 23 DE ABRIL ÁS 21:00 HORAS
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 10 €



O Bufón, o clown Leo Bassi, o ilustrado, o humanista, o internacionalista Leo Bassi expón a súa visión da Utopía para o século XXI e alza a súa voz para conminarnos a rebelarnos para que no aceptemos mansamente o mundo que se nos impón. Ao tempo fai unha crítica humorística á parálise ideolóxica e ao desconcerto dos partidos da izquierda en todo o planeta, incapaces de ofrecer unha resposta ilusionante ao que Leo considera o fracaso do modelo social e monetario individualista e neoliberal.


Recupera a utopía, unha palabra fermosísima que xa non acostuma a estar no noso léxico habitual, e co talento que só un xenio como él pode ofrecer, propón un espectáculo no que se conxuga o humor con momentos para a reflexión e outros dunha fonda emotividade e intensidade poética. Un espectáculo que é case un exorcismo

lunes, 12 de abril de 2010


TITZINA TEATRO

"EXITUS"
VENRES 16 DE ABRIL ÁS 21:00 H
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 5 €



A compañía catalá Titzina é un dos proxectos teatrais máis interesantes da escena española actual. Foi fundada por Diego Lorca e Pako Merino tras cursar estudios na prestixiosa Ecole Internacional de Theatre Jacques Lecoq, e segue á premisa dun teatro ancorado no real.
Os dous actores, que exercen tamén de produtores e directores, realizan nos meses previos á creación do espectáculo unha inmersión absoluta cun traballo de campo no ámbito específico que van a tratar posteriormente en escena.A súa celebrada e archipremiada ópera prima "Folie a deux, Sueños de un psiquiátrico" supuxo meses de traballo nun psiquiátrico, igual que “Entrañas” foi concibida tras unha longa estancia en Bosnia e Serbia buscando as feridas da guerra. Ese traballo de campo supón un aprehender de primeira man os comportamentos humanos neses ámbitos. Os Titzina observan, falan, ven, escoitan interactúan e posteriormente os seus textos xurden como una fusión de todo o que previamente teñen sentido e vivido dese modo tan fondo.
Neste caso, “Exitus” reflexiona sobre a morte dende diferentes puntos de vista tamén extraídos dunha vivencia profunda no mundo do real.O resultado é unha sucesión de escenas entrecruzadas cunha especialísima lóxica teatral onde se alternan o humor negro, o cariño e a humanidade na súa visión máis pura. Unha obra simplemente deliciosa.

lunes, 1 de marzo de 2010

MIGUEL LAGO


MIGUEL LAGO
(de Paramount Comedy)
"LOS NIÑOS ESTÁN GORDOS"
DOMINGO 7 DE MARZO ÁS 21:00 H
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 5 €

Neste espectáculo de 90 minutos, dirixido, escrito e interpretado polo propio Miguel Lago, poderemos desfrutar dunha sátira nunha marcada clave de humor, onde o artista fala de aspectos da sociedade como as aboas, os xeados ou a comida, sempre co indiscutible e imborrable adn galego.

“Los niños están gordos” é unha viaxe, por veces ácida, cunha coidada escenografía e posta en escena. É moito máis cun monologuista e un taburete.

Miguel Lago é unha das estrelas da canle de humor televisiva Paramount Comedy, sendo o monologuista que máis aparicións fixo na historia desta cadea. Con este espectáculo fixo tempada durante un ano nos teatros da Gran Vía madrileña e de Barcelona cun tremendo éxito de público en ámbolos dous casos.


miércoles, 10 de febrero de 2010

CERRADO POR ABURRIMIENTO

MATARILE TEATRO
"CERRADO POR ABURRIMIENTO"
VENRES 19 DE FEBREIRO ÁS 21:00 HORAS
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 5 €




“A literatura existe porque o mundo non basta” di Pessoa nun dos seus versos. Ou o que é o mesmo, o exterior, á marxe da nosa representación simbólica, non ten realidade por si mesmo. A Natureza exhibe un conxunto de obxectos pero é a nosa visión cultural sobre eles quen os transforma nunha paisaxe. Así, os tratados de paisaxística dedican capítulos á “Invención da montaña” á “Invención do mar” á “Invención do deserto”que reconstrúen as xéneses do nacemento destes accidentes xeográficos para a mirada do home. Considérase a Petrarca o descubridor da montaña a partires do seu célebre ascenso a Mont Ventoux. Antes, os cumios e as cordilleiras eran lugares agrestes e inaccesibles que só tiñan unha presenza no imaxinario dos homes como ámbitos para o perigo, a fatiga, a morte, para todo o inhóspito. Pero trala soberbia descrición de Petrarca da vista dos Alpes, que o “priva de sentido”, no que descobre unha “insólita lixeireza do ar polo escenario sen límites”, as montañas emerxen desa Natureza indefinida como espazos de infinito e nós, homes construídos pola cultura, xa somos quen de admiralas na súa vasta e inabarcable presenza. Somos capaces de gozar do mundo porque outros antes que nós o edificaron simbolicamente. Antes diso, non había máis que pavor.


De igual modo a arte, cando merece ese nome, ten como misión precisamente a exhibición do humano no seu desabrigo máis absoluto. E aínda que poida resultar paragóxico, o máis verdadeiro do home, o que máis nos ensina, o que nos mostra o noso reflexo tal cal somos é precisamente a teatralización, a artealización do sentimento, a literatura. E é nese terreo xusto por onde Matarile Teatro transita e alza unha vez máis esa arquitectura de imaxes, movementos, cores e verbas de exquisita perfección. Artificio que está ao servizo unicamente da exhibición, por veces impúdica, descarnada, dunha verdade que fala da realidade do humano, da reflexión sobre o noso valor no mundo, o noso peso, sobre o valor das cousas que facemos, a qué actividades nos entregamos, sobre o aburrimento, sobre a concepción do amor.

Durante a función asistimos a momentos dunha beleza plástica indefinible: un proxector no que Ana Vallés declama con voz rota a súa esencia como adición de tristezas acurrala contra as sombras a unha bailarina que é capaz de facer unha sinfonía con cada pregue das súas articulacións; un espello que enfronta ao espectador coa súa propia mirada; o espectáculo por veces esvaece e se torna invisible, as veces aflora o sentido do humor e xusto ao instante seguinte a música nos transporta a un territorio ignoto onde os corpos en movemento se transmutan en categorías humanas. Cara ao final, Xan Cejudo cita a Pessoa. A compañía reflexiona nese intre sobre como teatralizar o sentimento para que sexa máis certo, máis real. A arte non é un finximento da vida senón que é o verdadeiro modo en que esta aflora. E así escoitamos a Xan dicir: “Serei sempre o que non naceu para isto. Serei sempre o que non tiña cualidades. Serei sempre o que esperou a que lle abrisen a porta dunha parede sen porta”. Namentres, Ana corrixe a modulación do actor, os seus xestos, o seus movementos..., e precisamente nese modelado da súa expresión cobra forma a cada instante unha humanidade máis concreta. E canto máis evidente é a construción simbólica da escena máis profundo é ese sentimento de desesperanza que evoca: “Fixen de min o que non souben.E o que puiden ter feito non o fixen. Vestín un disfrace equivocado....Non son nada. Nunca serei nada. Non podo querer nada. Aparte diso, teño en min todos os soños do mundo”.





lunes, 5 de octubre de 2009

OUTONO PARA RAPACES

Os nenos teñen un mes só para eles. As actividades comezaron co espectáculo de maxia do mago Martín Camiña “A outra realidade” que encheu todas as localidades do teatro principal, continuaron o 3 de outubro coa Gala de Novo Circo para a presentación da programación teatral, e continúan durante todo o mes de outubro con 3 marabillosas obras pensadas para o público infantil. A obra prevista para o 24 de outubro, “Babiglub” da compañía Galitoon, por motivos completamente alleos ao Departamento de Cultura trasládase para o 12 de decembro.


10 de outubro ás 18:30 horas. Teatro Principal. Entrada 2 €

“VIOLETA COLETAS CONTRA AS SALCHICHAS ¡GULP!”
De Títeres Trompicallo


17 de outubro ás 18:30 horas. Teatro Principal. Entrada 2 €

“DOUS PALLASOS EN APUROS”
Dos Sete Magníficos máis Un


24 de outubro (aprazada)

31 de outubro ás 18:30 horas. Teatro Principal. Entrada 2 €

“CONTOS MARIÑEIROS”
Da Compañía Ghazafelhos

lunes, 18 de mayo de 2009

LA ESTRATEGIA DEL AVESTRUZ

TEATRO ENSALLE
"LA ESTRATEGIA DEL AVESTRUZ"
22 DE MAIO ÁS 21:30 HORAS
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 5 €

Hai unha frase que lle escoitei hai tempo a unha das nosas actrices de máis anos de experiencia e era que: “sempre que hai unha estrea os da profesión imos en masa unicamente porque o que non vai é quen ese día é a vítima da maledicencia dos demais”. E quizais xa un teña unha certa mirada cínica coa profesión despois de tantos anos, pero creo que si que hai bastante de certo na mala fama dos profesionais da escena no sentido de seren...algo teatreiros, e que nas súas manifestacións de esaxerado afecto sempre hai moita impostura. Detrás do escenario, abundan as actitudes cainitas, as envexas, os egos esaxerados e a adulación interesada. Sen embargo, sempre hai algunha rara avis que se move noutros ceos máis limpos.
E en Galicia, unha de esas raras avis é o Teatro Ensalle. Ensalle é ademais dunha compañía, unha sala de danza e teatro contemporáneo de Vigo. Apenas coñezo aos seus directores, e digo que apenas os coñezo (casi só por asistir como público á súa sala) porque non van aos saraos, non chaman por teléfono para vender o seu traballo, non adulan aos que reparten as subvencións, non fan politiqueo...en definitiva, non se venden.
Un pode estar a veces máis ou menos de acordo coa súa proposta estética, coa súa linguaxe. Un pode ser máis ou menos militante da súa concepción teatral, un pode discrepar acerca das bondades de este ou de aquel espectáculo, pero sempre da a impresión de que ata certo punto a eles...non lles importa. Da a sensación de que Teatro Ensalle mantén unha fidelidade insubornable a uns principios que defende ante o mundo sen corromperse de ningún modo e sen subordinarse a ningún outro interese máis que a súa visión artística.
A súa existencia, no espazo da cultura alternativa é unha ventá aberta á liberdade. O feito que dentro do sistema cultural, que tende polo seu ancoraxe nas estruturas do poder á banalización dos contidos, poidan existir aínda estes francotiradores, pouco amables, nada obsequiosos, e aos que os lacaios chaman soberbios por non participar na súa cerimonia cotiá de hipocrisía, resulta unha especie de milagre neste país noso onde a independencia é percibida como unha agresión.
Co peche da Sala Galán de Santiago, ante a indiferenza e o desprezo dos poderes públicos, do mundo da cultura en xeral e sobre todo ante o indisimulado goce do sector teatral, que se sentía íntimamente ferido ao ver reflexado naquel espello de rebeldía o seu finximento subornado, é a Sala Ensalle o último reduto de insurrección ante o formalmente obvio. O último espazo de obstinada resistencia ante a vulgaridade.
As veces parece que o mundo da cultura está dirixido por cortesáns sen máis talento que a maledicencia e a insidia, tiralevitas e mesquiños personaxiños autohumillados e só aptos para a vileza. Pero resulta que non é sempre así, que tamén hai persoas nobres e valentes, con escrúpulos e principios, ás veces con máis talento, ás veces con menos, ás veces máis preto do público, ás veces máis lonxe, pero sempre coa verdade do seu mensaxe como mascarón de proa, guste a quen guste, caia quen caia, pese a quen pese.

miércoles, 13 de mayo de 2009

PEZ EN RAYA: LO CEREBRO

PEZ EN RAYA
“LO CEREBRO”
VENRES 15 DE MAIO ÁS 21:30 HORAS
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 5 €


Abúsase tanto do termo “humor absurdo” que practicamente xa se perdeu o significado. Absurdo etimoloxicamente ven de ab-surdus, os sons que emite un xordo, que se consideran inintelixibles e disparatados, mesmo de mal gusto. Pero o termo “absurdo” aplicado ao arte, ao teatro, ten outra acepción. O Teatro do absurdo, que afunde as súas raíces nas experiencias previas de Alfred Jarry, de Dadá, dos surrealistas ou do Teatro da Crueldade de Artaud, ten en realidade un fortísimo compoñente de cuestionamento da orde establecida das cousas. A introdución de elementos de nula coherencia, incompatibles co real, tanto na linguaxe como na forma, serven para dalgún xeito, crear un novo marco do posible .

O mesmo cabe dicir do humor. Ás veces, mesmo o humor segue as pautas establecidas pola nosa concepción do real. A irrupción do absurdo é liberadora, capaz de xerar unha realidade obxectiva alternativa, onde non rexen as nosas leis físicas nin lóxicas. Cando o celebradísimo Gila, un dos mestres do humor absurdo di: “eu tiña que nacer en inverno pero como éramos pobres e non tiñamos calefacción esperei a nacer en maio”, non só está a facer humor, está dalgún modo a compor dalgún modo novo as leis do mundo.

Pez en Raya é unha compañía especializada no humor absurdo. E nos seus espectáculos hai unha constante ruptura do habitual ao servizo precisamente de esa outra realidade que se nos quere mostrar na súa existencia ameazante ao cotiá, como un exército rebelde orgullosamente alzado ante o estatismo. Pez en Raya libérase das convencións do previsible para liberarnos tamén a nós desa inmóbil realidade opresiva precisamente coa carga explosiva da risa. Gila pon na súa cámara de fotos dinamita en lugar de magnesio e “mata unha boda”. A dinamita da gargallada fai máis por nós que darnos uns instantes de felicidade corporal coa implosión do noso sistema límbico. Tamén nos dota de armas intelectuais para poder enfrontarnos dende o lado dos insurrectos, dos sediciosos, dos revoltosos, dos alborotadores, dos humoristas, dos seres libres, á espantosa solidez de chumbo do cotiá. Recibimos ao inimigo cun sorriso, e xa non estamos inermes.

Datos biográficos:

Dende o seu nacemento, en 1997, e amparada nas especialísimas personalidades de Joan Estrader e Cristina Medina (agora coñecida polo seu traballo na telecomedia “La que se avecina”), a compañía non fai máis que recoller premios en cada un dos seus traballos. Leva preto dun millar de representacións tanto en España como en Sudamérica i os seus traballos anteriores recibiron premios de tanta importancia como o da Fira de Teatre de Tárrega, posiblemente a máis importante da península ou por dúas veces, o do Festival de Humor de Madrid. Nesta ocasión reflexionan, a partires dunha sorprendente conferencia, sobre o uso do cerebro e de como o utilizamos para representar o mundo exterior.

martes, 12 de mayo de 2009

Susana Sánchez Aríns presenta [De]Construçom


Como este blog non existía cando Susana Sánchez Aríns gañou o Premio de Poesía Pérez Parallé, non puidemos felicitala entón. Aproveitamos agora que ven de presentar o seu primeiro libro [De]Construçom en Edicións Espiral Maior. Susana ademais escrebe no seu blog onde non hai máis que dedicarlle uns minutos á súa lectura para decatarnos de que ela non concibe a literatura como un banal orbitar en torno á propia compracencia senón, xusto ao contrario, en cada liña exhibe, aberta e honestamente, o seu compromiso ético co real e a súa crueza implacable que entra na súa ollada como un virus. Nas súas propias e fantásticas verbas dun poema que a quen isto escrebe lle parece marabilloso:

“chega o virus/o golpe na face e damos em notar no organismo un algo estranho para a rotina/ a saliva que nunca é percebida a arroiar/violenta enchente de rio/as nos dia a dia ausentes amídalas/facas e alfinetes que se incrustam/com cada palabra sussurro zumbido/ no pariental occipicial no esfenoide/ relembrar a existência de um oco/onde o olho direito onde o esquerdo/ porque estala no palpebrar incessante/saber das juntas de todas jogas/ de bigomas, martelos humildes estribos/do vínculo secreto entre nariz e ouvidos/e a calor, a quentura que retira mantas/centas nem afuguentam nem espantam/e chegou o virus, a consciência do real./a doutora diz nom ser mais que gripe./eu penso que un algo de gaza tambén há.

e de congo e de sri lanka e de somália e de colômbia e de afeganistám e de iraque e de mianmar e de guiné conakri de darfur de... ”

Pois iso, que noraboa.

O Blog de Susana:
http://www.blogoteca.com/dedoscomovermes

viernes, 8 de mayo de 2009

DORMES ACCEDE Á FASE FINAL DOS PREMIOS "BUERO" DE TEATRO JOVEN

Os rapaces e profesores que crearon “Dormes?” empezan xa a monopolizar as entradas deste blog pola impresionante carreira do seu espectáculo. Polo ben da difusión da programación cultural municipal, esperamos que non sigan gañando moitos máis certames ou teremos que habilitar un espazo único para eles.

En fin, o certo é que realmente todos os que amamos o teatro deberíamos sentir un orgullo enorme polo amplísimo e unánime recoñecemento que están a recoller todos aqueles que colaboran neste fermoso proxecto. Neste caso hoxe espertámonos coa fantástica nova de que son os vencedores da fase autonómica dos Premios Buero de Teatro Joven e que disputarán a fase final, a mediados do mes de maio, xunto a outros 16 grupos, un por cada unha das autonomías.

Os Premios Buero, non son ningún recoñecemento banal, está promovidos polos Ministerios de Educación e de Cultura, por varias Consellerías de diversas comunidades autónomas e pola Fundación Coca Cola. Participan centos de grupos de toda España e o xurado que os decide está integrado por nomes de enorme prestixio no mundo do teatro. Por iso, só o feito de alcanzar esta fase xa é de por si un éxito incontestable e un soño que moitos outros desexarían ter cumprido.

En fin, desexámoslle moita sorte a “Dormes?”, aínda que é evidente que non están onde están por cuestión de azar senón de talento. Oxalá podamos estar asistindo ao nacemento dunha brillante e nova xeración de actores, técnicos, etc, que revitalicen a linguaxe escénica estradense.

http://www.premiosbuero.com/default.cfm

jueves, 7 de mayo de 2009

TEATRO NACIONAL NEGRO DE PRAGA

TEATRO NACIONAL NEGRO DE PRAGA
'Las aventuras del Barón Munchaussen'
Patrocinado por Caixanova

TEATRO PRINCIPAL
Martes, 12 de maio ás 21:30 h.
Entrada: 10 €



Cando o mundo da infancia está a piques de desaparecer, enterra en cada un de nos algunhas das súas imaxes trazando unha misteriosa cartografía no fondo da nosa memoria amordazada pola traizón do cotiá, pero que está aí, latente, ofrecendo unha posibilidade constante de ser desentrañada e de desenterrar aqueles rumores de lenda, mito i espexismo que entón nos fixeron sentir tanto.
E teño a seguridade de que para moitísimos de nós, nesa especie de lugar onde habitan os personaxes da nosa nenez, como aqueles deuses do exilio de Heine que se resisten a morrer, pero que permanecen nun limbo fora do real, nese lugar de refuxio da fantasía ferida, reina entre moitos, o rei dos tolos, o Barón de Munchaussen, protagonista deses dous marabillosos textos alemáns, asinados por Raspe e Bürger e que desencadea en nós un torrente de imaxes fabulosas...o cabalo do Barón atado á punta máis alta dun campanario, cando todo un pobo xurde do desxeo, o propio Barón atravesando o ceo sobre unha bala de canón ou aferrado a unha bandada de patos, o seus increibles criados, a pavorosa imaxe da morte......e un sen fin máis que o converte nun dos libros máis máxicos que un neno pode ter nas súas mans.
E se esta idea cae nas mans dunha compañía, o Teatro Nacional Negro de Praga, que transforma en prestidixitación e feitizo encantado o acto teatral, estamos ante unha das oportunidades da nosa vida de asistir este martes a un espectáculo extraordinario, sen que entendamos esta palabra no seu banalizado sentido “ordinario”, senón, no que significa realmente: único, fora do común, insólito, á marxe do real.
A técnica do teatro negro consiste no uso da chamada “luz negra” que unicamente ilumina os homes e os obxectos tratados con fosforescencia. O resultado é unha explosión de cores dunha viveza extrema e converter o escenario nun lugar onde non rexen as leis da física e onde todo, absolutamente todo, é posible, abríndose unha terceira dimensión espacial no habitual desenvolvemento das representacións en paralelogramo plano.
O uso xa comentado da luz, do mimo, da música e o son, das proxeccións, do baile, baixo os raios case imaxinarios da luz ultravioleta, son os instrumentos que esta magnífica compañía, coñecida en todo o mundo, usa para propoñernos esta viaxe ao mundo dos contos, esta recuperación do noso imaxinario mítico esquecido. A “luz negra” foi descuberta en 1801 polo físico alemán Johan Wilhelm Ritter i describiuna como raios invisibles situados xusto detrás do extremo violeta do espectro visible. Quizais sexa isto unha certeira metáfora do que o teatro, e a arte, poden facer por cada un de nós: abrir as portas para ampliar o noso espectro visible, presentar ante os nosos ollos o invisible.






PD.- Aqueles que teñan unha cultura máis visual, quizais lembren a versión cinematográfica, dirixida por Terry Gilliam, cun John Neville inesquecible e na que xa despuntaba unha novísima Uma Thurman, absolutamente arrebatadora

lunes, 4 de mayo de 2009

WATER BROS PRODUCCIÓNS

Gostaríanos animar a calquera estradense que teña algo que mostrar, sexa do ámbito artístico ou cultural que sexa, que se poña en contacto con este blog. Músicos, fotógrafos, Graffiteiros, DJ´s, poetas, escultores, artistas gráficos..... Queremos saber de vos, axudarvos no que poidamos, e tentar entre todos que o voso traballo teña máis visibilidade.

No campo do audiovisual, realmente é unha enorme alegría poder contar aquí que hai un grupo de mozos na Estrada traballando dun xeito realmente moi imaxinativo, con sentido do humor e talento narrativo para o thriller, na creación de curtametraxes. Trátase do grupo Water Bros que xa ten circulando dende hai tempo na rede os seus primeiros traballos, con títulos tan atraíntes como

"Outra vella no millo"
"Colleunos a noite"
e a secuela
"Outra vella no millo 2"

Podedes visitar a súa web en:

http://waterbros.unlugar.com/

Añadilos ao Messenger en:

waterbrosproducions@hotmail.com

E tamén localizalos no Tuenti.


martes, 28 de abril de 2009

"¿DORMES?" VENCE NO CERTAME DO BAIXO MIÑO

Unímonos dende aquí ás felicitacións que os alumnos e profesores do IES García Barros reciben merecidisimamente polo seu traballo en “¿Dormes?” que ven de ser premiado no Certame de teatro non profesional do Baixo Miño e desexámoslles o mellor para os outros retos que aínda teñen por diante. ¡¡Noraboa!!

lunes, 20 de abril de 2009

YLLANA: BROKERS

24 DE ABRIL
21:30 HORAS
ENTRADA: 5 €
TEATRO PRINCIPAL



Non hai moito que un poida dicir sobre a Compañía Yllana. A súa relación de amor cun público que os adora fanaticamente, os seus case 20 anos de historia nos escenarios, os seus espectáculos e as miles de representacións nos mellores teatros do mundo falan por si mesmos. Da a impresión que neste caso, máis que noutros, as palabras sobran para definilos. Fieis ao seu estilo de humor xestual e irreverente, espectacular e irónico, a compañía fai desta renuncia á linguaxe verbal, en realidade unha aposta absoluta pola linguaxe universal do xesto.

Nesta ocasión, preséntannos a súa visión do mundo das finanzas, do luxo e do furor consumista, da vida sana, da divinización das marcas.... completando unha obra absurda, e segundo as súas propias palabras, “incriblemente viciosa e corrupta”. Perfecta para tempos de crise.