'Las aventuras del Barón Munchaussen'
Patrocinado por Caixanova
TEATRO PRINCIPAL
Martes, 12 de maio ás 21:30 h.
Entrada: 10 €

E teño a seguridade de que para moitísimos de nós, nesa especie de lugar onde habitan os personaxes da nosa nenez, como aqueles deuses do exilio de Heine que se resisten a morrer, pero que permanecen nun limbo fora do real, nese lugar de refuxio da fantasía ferida, reina entre moitos, o rei dos tolos, o Barón de Munchaussen, protagonista deses dous marabillosos textos alemáns, asinados por Raspe e Bürger e que desencadea en nós un torrente de imaxes fabulosas...o cabalo do Barón atado á punta máis alta dun campanario, cando todo un pobo xurde do desxeo, o propio Barón atravesando o ceo sobre unha bala de canón ou aferrado a unha bandada de patos, o seus increibles criados, a pavorosa imaxe da morte......e un sen fin máis que o converte nun dos libros máis máxicos que un neno pode ter nas súas mans.
E se esta idea cae nas mans dunha compañía, o Teatro Nacional Negro de Praga, que transforma en prestidixitación e feitizo encantado o acto teatral, estamos ante unha das oportunidades da nosa vida de asistir este martes a un espectáculo extraordinario, sen que entendamos esta palabra no seu banalizado sentido “ordinario”, senón, no que significa realmente: único, fora do común, insólito, á marxe do real.
A técnica do teatro negro consiste no uso da chamada “luz negra” que unicamente ilumina os homes e os obxectos tratados con fosforescencia. O resultado é unha explosión de cores dunha viveza extrema e converter o escenario nun lugar onde non rexen as leis da física e onde todo, absolutamente todo, é posible, abríndose unha terceira dimensión espacial no habitual desenvolvemento das representacións en paralelogramo plano.

PD.- Aqueles que teñan unha cultura máis visual, quizais lembren a versión cinematográfica, dirixida por Terry Gilliam, cun John Neville inesquecible e na que xa despuntaba unha novísima Uma Thurman, absolutamente arrebatadora
No hay comentarios:
Publicar un comentario