jueves, 28 de octubre de 2010

"BASILIO" DE GALITOON


"BASILIO" DA COMPAÑÍA GALITOON

ESPECTÁCULO INFANTIL

SÁBADO DÍA 30 ÁS 12:00 HORAS

ENTRADA: 3 €

TEATRO PRINCIPAL



A compañía de teatro, TV e espectáculos Galitoon fará na Estrada o próximo sábado, 30 de outubro, a estrea absoluta da súa última produción. Será a partires das 12:00 horas, con entrada a 3 euros. Esta actuación inclúese dentro da temporada de outono da programación cultural municipal.

Con Basilio, meu amigo imaxinario, Galitoon volve apostar polo gran formato, polas historias de aventuras nas que se mesturan personaxes de carne e óso con monicreques. Unha viaxe a través da vida dunha nena, dos seus amigos e dos seus medos. A obra, cunha duración de 50 minutos, está dirixida a nenos e nenas a partires dos 5 anos.

Raquel é unha nena moi sensible e cunha imaxinación desbordada, por iso, os pequenos medos que a maioría de nenos e nenas da súa idade xa superaron, nela seguen vivos. Raquel témelle á escuridade, aos tronos, ás sombras, ao vello armario da avoa, a que non a queiran as súas amigas, a que Pablo, o rapaz que lle gusta, pense que ela non é unha rapaza maior.

Aínda que Raquel quere ser grande, séguenlle gustando os seus vellos xoguetes de pequena, sobre todo os seus peluches: Basilio, agasallo do seu avó e Braulio, obsequio do seu pai.

Todos os días, Raquel fai o mesmo ao chegar do cole: " Aburrirse!", segundo ela. Ata que unha tarde, unha chamada telefónica, unha caixa, unha tormenta, o armario da avoa e os seus peluches máis queridos, obrigarán a Raquel a facer unha viaxe inesperada ata os confíns dos seus medos.

Desde a súa creación en 2005, a compañía teense Galitoon ten representado na Estrada varios espectáculos para un público infantil, como Babiliglub.

1 comentario:

  1. Non tedes moi actualizado isto...
    ...suponse que sería para consultar as actividades culturais da Estrada...

    mmm

    ResponderEliminar