miércoles, 8 de abril de 2009

¿E TI QUEN VES SENDO?

TALÍA TEATRO

¿E TI QUEN VES SENDO?

17 E 18 DE ABRIL ÁS 21:30 H.

TEATRO PRINCIPAL


Para gusto do que isto escribe, “¿E ti quen ves sendo?” foi a mellor obra da tempada do ano 2008 e, aínda que xa sei que esta opinión é por suposto moi discutible, tamén a mellor da pasada Feria de Teatro de Galicia. Cando rememoro os momentos máis divertidos que o teatro galego me fixo pasar nos últimos dez anos, por algures, sempre aparece unha obra de Talía Teatro. E esta, a que nos ocupa, non só non é ningunha excepción, senón que alcanza momentos dunha gran comicidade e brillante posta en escena.

O texto é unha adaptación en clave contemporánea do clásico “Anfitrión” de Plauto, realizada polo extraordinario cómico, contacontos, director de escena, escritor e actor que é Cándido Pazó, sen lugar a dúbidas un dos talentos máis realmente talentosos da nosa cultura. Para aqueles que teñan certa teima contra os textos teatrais clásicos, advertir dende aquí, que a concepción da obra, o espírito dos personaxes desdobrados e a propia linguaxe son radicalmente modernos e toda a función ten un ritmo áxil, mesmo vertixinoso, con diálogos ateigados de sarcasmo, ironía, dobres sentidos e humor puro e duro, demostrándose unha vez máis que a comedia para todos os públicos non ten por qué ser concibida como un insulto á intelixencia e que se poden crear espectáculos absolutamente exitosos e hilarantes, nos que a calidade e o respecto polo espectador afloran en cada unha das partes que compoñen a arquitectura da obra: nas aproximacións aos papeis dos actores, no escenario, na concepción do tempo teatral, no texto dramático, nos movementos....Todo en ¿”E ti quen ves sendo?” está tratado coa máxima seriedade, precisamente para conseguir esta obra de total comedia, intelixente, divertida e das que un sinte auténtico pracer como espectador de teatro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario