viernes, 3 de abril de 2009

"¿DORMES?"

8 DE ABRIL ÁS 21:30 H.

ENTRADA CON INVITACIÓN



O Taller de Creación Artística do I.E.S. García Barros estase a revelar como o ámbito de creación teatral máis orixinal do Concello da Estrada. E non sería xusto dicir só orixinal, senón tamén quizais faise obrigatorio engadir que é o que ten o discurso de máis profundidade e a maior preocupación pola estética, a imaxinación e a experimentación constante.

En cada espectáculo, están a demostrar que o éxito de público tamén se pode lograr con propostas que teñen como sinal de identidade o seu alonxamento absoluto da vulgaridade e dos recursos ao humor chabacano, para mostrar un culto irrenunciable a unha concepción preciosista e sorprendente do feito escénico, con espectáculos áxiles nos que se miman os detalles formais pero nos que estes, están sempre ao servizo dunha reflexión profunda.

Nesta ocasión, o taller reflexiona acerca da existencia física e imaxinada, entre o soño e a vixilia cun espectáculo unanimemente aplaudido e magnificamente criticado. E sobre todo, onde se pon de novo de manifesto o seu compromiso, a súa aposta por entender a arte como mensaxe, onde cómo se din as cousas é moi importante, pero o importante realmente é o que se di. E cando a arquitectura da forma, a beleza do que se ve, ten coma única función iluminar aquilo sobre o que se quere reflexionar é cando realmente falamos de teatro, cando realmente entendemos o teatro como a arte marabillosa, perturbadora, inspiradora e resplandecente que pode ser. Esa que produce eses lóstregos na conciencia e no espírito e que nos eleva tanto aos creadores como aos espectadores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario