miércoles, 8 de abril de 2009

¿E TI QUEN VES SENDO?

TALÍA TEATRO

¿E TI QUEN VES SENDO?

17 E 18 DE ABRIL ÁS 21:30 H.

TEATRO PRINCIPAL


Para gusto do que isto escribe, “¿E ti quen ves sendo?” foi a mellor obra da tempada do ano 2008 e, aínda que xa sei que esta opinión é por suposto moi discutible, tamén a mellor da pasada Feria de Teatro de Galicia. Cando rememoro os momentos máis divertidos que o teatro galego me fixo pasar nos últimos dez anos, por algures, sempre aparece unha obra de Talía Teatro. E esta, a que nos ocupa, non só non é ningunha excepción, senón que alcanza momentos dunha gran comicidade e brillante posta en escena.

O texto é unha adaptación en clave contemporánea do clásico “Anfitrión” de Plauto, realizada polo extraordinario cómico, contacontos, director de escena, escritor e actor que é Cándido Pazó, sen lugar a dúbidas un dos talentos máis realmente talentosos da nosa cultura. Para aqueles que teñan certa teima contra os textos teatrais clásicos, advertir dende aquí, que a concepción da obra, o espírito dos personaxes desdobrados e a propia linguaxe son radicalmente modernos e toda a función ten un ritmo áxil, mesmo vertixinoso, con diálogos ateigados de sarcasmo, ironía, dobres sentidos e humor puro e duro, demostrándose unha vez máis que a comedia para todos os públicos non ten por qué ser concibida como un insulto á intelixencia e que se poden crear espectáculos absolutamente exitosos e hilarantes, nos que a calidade e o respecto polo espectador afloran en cada unha das partes que compoñen a arquitectura da obra: nas aproximacións aos papeis dos actores, no escenario, na concepción do tempo teatral, no texto dramático, nos movementos....Todo en ¿”E ti quen ves sendo?” está tratado coa máxima seriedade, precisamente para conseguir esta obra de total comedia, intelixente, divertida e das que un sinte auténtico pracer como espectador de teatro.

viernes, 3 de abril de 2009

"¿DORMES?"

8 DE ABRIL ÁS 21:30 H.

ENTRADA CON INVITACIÓN



O Taller de Creación Artística do I.E.S. García Barros estase a revelar como o ámbito de creación teatral máis orixinal do Concello da Estrada. E non sería xusto dicir só orixinal, senón tamén quizais faise obrigatorio engadir que é o que ten o discurso de máis profundidade e a maior preocupación pola estética, a imaxinación e a experimentación constante.

En cada espectáculo, están a demostrar que o éxito de público tamén se pode lograr con propostas que teñen como sinal de identidade o seu alonxamento absoluto da vulgaridade e dos recursos ao humor chabacano, para mostrar un culto irrenunciable a unha concepción preciosista e sorprendente do feito escénico, con espectáculos áxiles nos que se miman os detalles formais pero nos que estes, están sempre ao servizo dunha reflexión profunda.

Nesta ocasión, o taller reflexiona acerca da existencia física e imaxinada, entre o soño e a vixilia cun espectáculo unanimemente aplaudido e magnificamente criticado. E sobre todo, onde se pon de novo de manifesto o seu compromiso, a súa aposta por entender a arte como mensaxe, onde cómo se din as cousas é moi importante, pero o importante realmente é o que se di. E cando a arquitectura da forma, a beleza do que se ve, ten coma única función iluminar aquilo sobre o que se quere reflexionar é cando realmente falamos de teatro, cando realmente entendemos o teatro como a arte marabillosa, perturbadora, inspiradora e resplandecente que pode ser. Esa que produce eses lóstregos na conciencia e no espírito e que nos eleva tanto aos creadores como aos espectadores.

lunes, 30 de marzo de 2009

ULTIMAS NOVAS SOBRE "O DÍA DO PAI"

"O DÍA DO PAI" de Teatro Malasombra, consegue un cheo absoluto no Teatro de Redondela o pasado 28 de marzo, con preto de 100 persoas que se quedan sen poder acceder á representación ao colgarse o cartel de "Non hai billetes".

viernes, 27 de marzo de 2009

MALASOMBRA TEATRO: O DÍA DO PAI

3 E 4 DE ABRIL
21:30 H.
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 5 €


Despois de recorrer toda Galicia coa súa anterior comedia, “Non é tan fácil”, Malasombra Teatro inicia unha nova xira exitosa con “O día do pai”.

“O día do pai” é unha adaptación da célebre comedia de Ana Graciani e Gabriel Olivares sobre a paternidade humana que xa obtivo un sen fin de críticas laudatorias no seu paso polos escenarios españois e que agora chega a Galicia na versión de Marcos Orsi, un dos nosos directores con máis gancho para o humor intelixente.

Tres homes de moi diferente aspecto, idade e condición, foron citados nunha clínica de reprodución asistida. Descoñecen o motivo pero sospeita –témense- que son requiridos para ser obxecto dunha proba de paternidade. Cren non ter nada en común aínda que pronto descubrirán que os tres mantiveron unha relación coa mesma muller que os someterá a unha delirante “proba de paternidade”.

Manuela decidiu ser solteira e busca un pai solteiro. ¿cal dos tres será o máis adecuado para converterse en pai?

O día do pai é unha comedia trepidante sobre esta singular loita de espermatozoides por conquistar o óvulo. Todos pelexarán por acadar o mesmo fin desenvolvéndose unha auténtica selección natural nunha clínica de reprodución artificial.




DATAS PRÓXIMAS DA XIRA

14 marzo ORTIGUEIRA
20 marzo MILLADOIRO
28 marzo REDONDELA
3 e 4 abril A ESTRADA
17 abril LALÍN
24 abril BERTAMIRÁNS
25 abril MUROS
26 abril MUROS
15 maio O CARBALLIÑO

lunes, 23 de marzo de 2009

MARZOPOP: YOU AM I

XOVES 26 DE MARZO: 22:30 HORAS

TEATRO PRINCIPAL

ENTRADA: 5 €



You am I é unha das Bandas de rock australianas máis exitosas e admiradas de todos os tempos. Concentrada en torno á figura do cantante e guitarrista Tim Rogers contan xa con varios discos de ouro e coa admiración confesada de bandas como Sonic Youth ou Sound Garden, que se declaran fans de You am I.

Aínda que formados en 1989, foi en 1993 e sobre todo 1994 cando, convertidos xa en banda de referencia en Australia, deron o salto ás grandes listas de Estados Unidos co seu LP “Hi Fi Way”, un álbum espectacular cheo de melodías e estribillos pops intemporais, ao que lle seguiu o lanzamento a todo trapo pola Warner Bros. en todo o mundo do seu seguinte traballo "Hourly, Daily", moito máis obsesivo e existencialista, cunha prosa núa e ás veces desesperada e árida.

A estes, seguíronlle os recoñecidísimos "#4 Record" e "Dress Me Slowly", así como a recopilación "The Cream & The Crock", non un grandes éxitos ao uso, senón realmente unha perspectiva seria e enfocada de toda a súa carreira.

Este xoves, preséntannos o seu último álbum, “Dilettantes”

viernes, 13 de marzo de 2009

MARZOPOP: LOS NEGATIVOS

DÍA: 20 DE MARZO

HORA: 22:30 H.

ENTRADA: 5 €




Agora que está tan de moda o uso da palabra "mítico", Los Negativos si que é unha das bandas míticas do pop-rock español. Formado en 1984 en Barcelona, a súa música nace do pop psicodélico dos anos 60 con claras influencias de grupos como The Birds, The Beatles, etc. O seu primeiro disco Piknik caleidoscópico foise convertendo, co paso do tempo nunha auténtica xoia de colección e nun referente básico de calquera discografía pop. A pesares da súa desaparición en 1987, foi un destes grupos nos que se produce un engrandecemento da súa figura a posteriori, sendo reivindicado por toda a cultura pop posterior.

A finais do 2008, o enorme éxito que tivo a reedición dos seus primeiros traballos animounos a recuperar a súa carreira musical e volver de novo aos escenarios, coa edición ademais dun novo disco, “Dandies entre basura”, un excelente traballo que combina de novo psicodelia e estribillos pop, coa inclusión de metais, órgano Hammond, etc.

Temos a fortuna ademais, de que o concerto de A Estrada sexa o primeiro tras a edición do novo disco, e o único en Galicia, polo que se prevé unha gran entrada. Aconsellamos reservar. Podedes facelo neste email: cultura@aestrada.com

www.myspace.com/losnegativos

martes, 3 de marzo de 2009

MARZOPOP: HENDRIK RÖVER Y ESQUELETOS

DÍA: 13 DE MARZO
HORA: 22:30 H.
ENTRADA: 5 €


Hendrik röver, cantante, guitarrista en líder de “Los Deltonos” publicou en 2008 o seu primeiro traballo en solitario, tras unha frutífera carreira no mundo da música, baixo o título de “Esqueletos”. A paixón de Hendrik polo folk e a música de raíces americana recóllese nestas cancións case espidas de arranxos musicais, practicamente “esqueléticas”, co único acompañamento de Miguel Bañón do grupo “Los Marañones” e que son un acompañamento perfecto para esas tardes invernais de domingo ao carón do lume ou as que soarían no hábitat de Hendrik, algunha vella gramola de bar moribundo nalgún quilómetro perdido da Route 66.

Cancións de trens, traizóns, camaradas, regresos a casa, resacas e decisións demasiado tempo aprazadas, que son o froito da tendencia vivida nos últimos tempos por H. que espía os temas coa pretensión de que se sostiveran coa mínima andamiaxe posible, sen depender de complicados arranxos ou do volume explosivo e que puideran convencer ao público cantadas co único acompañamento dunha guitarra acústica.

O disco tivo o seu nacemento contestando Hendrik exitosamente ao reto que promove cada ano unha emisora de New Hampshire, de componer, editar e gravar un disco no prazo dun mes. No 2009, volveu a superar con nota o exame, e as novas cancións xa se poden escoitar no seu myspace

Evocacións dos más grandes, Steve Earle, Kris Kristofferson, Jim Lauderdale, fantásticas composicións propias e versións de clásicos tan marabillosos como “Wichita Lineman”. Un concerto deses dos que un sale cunha fonda sensación de calor no espíritu.

http://www.blogger.com/www.myspace.com/hendrikrover