lunes, 18 de mayo de 2009

LA ESTRATEGIA DEL AVESTRUZ

TEATRO ENSALLE
"LA ESTRATEGIA DEL AVESTRUZ"
22 DE MAIO ÁS 21:30 HORAS
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 5 €

Hai unha frase que lle escoitei hai tempo a unha das nosas actrices de máis anos de experiencia e era que: “sempre que hai unha estrea os da profesión imos en masa unicamente porque o que non vai é quen ese día é a vítima da maledicencia dos demais”. E quizais xa un teña unha certa mirada cínica coa profesión despois de tantos anos, pero creo que si que hai bastante de certo na mala fama dos profesionais da escena no sentido de seren...algo teatreiros, e que nas súas manifestacións de esaxerado afecto sempre hai moita impostura. Detrás do escenario, abundan as actitudes cainitas, as envexas, os egos esaxerados e a adulación interesada. Sen embargo, sempre hai algunha rara avis que se move noutros ceos máis limpos.
E en Galicia, unha de esas raras avis é o Teatro Ensalle. Ensalle é ademais dunha compañía, unha sala de danza e teatro contemporáneo de Vigo. Apenas coñezo aos seus directores, e digo que apenas os coñezo (casi só por asistir como público á súa sala) porque non van aos saraos, non chaman por teléfono para vender o seu traballo, non adulan aos que reparten as subvencións, non fan politiqueo...en definitiva, non se venden.
Un pode estar a veces máis ou menos de acordo coa súa proposta estética, coa súa linguaxe. Un pode ser máis ou menos militante da súa concepción teatral, un pode discrepar acerca das bondades de este ou de aquel espectáculo, pero sempre da a impresión de que ata certo punto a eles...non lles importa. Da a sensación de que Teatro Ensalle mantén unha fidelidade insubornable a uns principios que defende ante o mundo sen corromperse de ningún modo e sen subordinarse a ningún outro interese máis que a súa visión artística.
A súa existencia, no espazo da cultura alternativa é unha ventá aberta á liberdade. O feito que dentro do sistema cultural, que tende polo seu ancoraxe nas estruturas do poder á banalización dos contidos, poidan existir aínda estes francotiradores, pouco amables, nada obsequiosos, e aos que os lacaios chaman soberbios por non participar na súa cerimonia cotiá de hipocrisía, resulta unha especie de milagre neste país noso onde a independencia é percibida como unha agresión.
Co peche da Sala Galán de Santiago, ante a indiferenza e o desprezo dos poderes públicos, do mundo da cultura en xeral e sobre todo ante o indisimulado goce do sector teatral, que se sentía íntimamente ferido ao ver reflexado naquel espello de rebeldía o seu finximento subornado, é a Sala Ensalle o último reduto de insurrección ante o formalmente obvio. O último espazo de obstinada resistencia ante a vulgaridade.
As veces parece que o mundo da cultura está dirixido por cortesáns sen máis talento que a maledicencia e a insidia, tiralevitas e mesquiños personaxiños autohumillados e só aptos para a vileza. Pero resulta que non é sempre así, que tamén hai persoas nobres e valentes, con escrúpulos e principios, ás veces con máis talento, ás veces con menos, ás veces máis preto do público, ás veces máis lonxe, pero sempre coa verdade do seu mensaxe como mascarón de proa, guste a quen guste, caia quen caia, pese a quen pese.

miércoles, 13 de mayo de 2009

PEZ EN RAYA: LO CEREBRO

PEZ EN RAYA
“LO CEREBRO”
VENRES 15 DE MAIO ÁS 21:30 HORAS
TEATRO PRINCIPAL
ENTRADA: 5 €


Abúsase tanto do termo “humor absurdo” que practicamente xa se perdeu o significado. Absurdo etimoloxicamente ven de ab-surdus, os sons que emite un xordo, que se consideran inintelixibles e disparatados, mesmo de mal gusto. Pero o termo “absurdo” aplicado ao arte, ao teatro, ten outra acepción. O Teatro do absurdo, que afunde as súas raíces nas experiencias previas de Alfred Jarry, de Dadá, dos surrealistas ou do Teatro da Crueldade de Artaud, ten en realidade un fortísimo compoñente de cuestionamento da orde establecida das cousas. A introdución de elementos de nula coherencia, incompatibles co real, tanto na linguaxe como na forma, serven para dalgún xeito, crear un novo marco do posible .

O mesmo cabe dicir do humor. Ás veces, mesmo o humor segue as pautas establecidas pola nosa concepción do real. A irrupción do absurdo é liberadora, capaz de xerar unha realidade obxectiva alternativa, onde non rexen as nosas leis físicas nin lóxicas. Cando o celebradísimo Gila, un dos mestres do humor absurdo di: “eu tiña que nacer en inverno pero como éramos pobres e non tiñamos calefacción esperei a nacer en maio”, non só está a facer humor, está dalgún modo a compor dalgún modo novo as leis do mundo.

Pez en Raya é unha compañía especializada no humor absurdo. E nos seus espectáculos hai unha constante ruptura do habitual ao servizo precisamente de esa outra realidade que se nos quere mostrar na súa existencia ameazante ao cotiá, como un exército rebelde orgullosamente alzado ante o estatismo. Pez en Raya libérase das convencións do previsible para liberarnos tamén a nós desa inmóbil realidade opresiva precisamente coa carga explosiva da risa. Gila pon na súa cámara de fotos dinamita en lugar de magnesio e “mata unha boda”. A dinamita da gargallada fai máis por nós que darnos uns instantes de felicidade corporal coa implosión do noso sistema límbico. Tamén nos dota de armas intelectuais para poder enfrontarnos dende o lado dos insurrectos, dos sediciosos, dos revoltosos, dos alborotadores, dos humoristas, dos seres libres, á espantosa solidez de chumbo do cotiá. Recibimos ao inimigo cun sorriso, e xa non estamos inermes.

Datos biográficos:

Dende o seu nacemento, en 1997, e amparada nas especialísimas personalidades de Joan Estrader e Cristina Medina (agora coñecida polo seu traballo na telecomedia “La que se avecina”), a compañía non fai máis que recoller premios en cada un dos seus traballos. Leva preto dun millar de representacións tanto en España como en Sudamérica i os seus traballos anteriores recibiron premios de tanta importancia como o da Fira de Teatre de Tárrega, posiblemente a máis importante da península ou por dúas veces, o do Festival de Humor de Madrid. Nesta ocasión reflexionan, a partires dunha sorprendente conferencia, sobre o uso do cerebro e de como o utilizamos para representar o mundo exterior.

martes, 12 de mayo de 2009

Susana Sánchez Aríns presenta [De]Construçom


Como este blog non existía cando Susana Sánchez Aríns gañou o Premio de Poesía Pérez Parallé, non puidemos felicitala entón. Aproveitamos agora que ven de presentar o seu primeiro libro [De]Construçom en Edicións Espiral Maior. Susana ademais escrebe no seu blog onde non hai máis que dedicarlle uns minutos á súa lectura para decatarnos de que ela non concibe a literatura como un banal orbitar en torno á propia compracencia senón, xusto ao contrario, en cada liña exhibe, aberta e honestamente, o seu compromiso ético co real e a súa crueza implacable que entra na súa ollada como un virus. Nas súas propias e fantásticas verbas dun poema que a quen isto escrebe lle parece marabilloso:

“chega o virus/o golpe na face e damos em notar no organismo un algo estranho para a rotina/ a saliva que nunca é percebida a arroiar/violenta enchente de rio/as nos dia a dia ausentes amídalas/facas e alfinetes que se incrustam/com cada palabra sussurro zumbido/ no pariental occipicial no esfenoide/ relembrar a existência de um oco/onde o olho direito onde o esquerdo/ porque estala no palpebrar incessante/saber das juntas de todas jogas/ de bigomas, martelos humildes estribos/do vínculo secreto entre nariz e ouvidos/e a calor, a quentura que retira mantas/centas nem afuguentam nem espantam/e chegou o virus, a consciência do real./a doutora diz nom ser mais que gripe./eu penso que un algo de gaza tambén há.

e de congo e de sri lanka e de somália e de colômbia e de afeganistám e de iraque e de mianmar e de guiné conakri de darfur de... ”

Pois iso, que noraboa.

O Blog de Susana:
http://www.blogoteca.com/dedoscomovermes

viernes, 8 de mayo de 2009

DORMES ACCEDE Á FASE FINAL DOS PREMIOS "BUERO" DE TEATRO JOVEN

Os rapaces e profesores que crearon “Dormes?” empezan xa a monopolizar as entradas deste blog pola impresionante carreira do seu espectáculo. Polo ben da difusión da programación cultural municipal, esperamos que non sigan gañando moitos máis certames ou teremos que habilitar un espazo único para eles.

En fin, o certo é que realmente todos os que amamos o teatro deberíamos sentir un orgullo enorme polo amplísimo e unánime recoñecemento que están a recoller todos aqueles que colaboran neste fermoso proxecto. Neste caso hoxe espertámonos coa fantástica nova de que son os vencedores da fase autonómica dos Premios Buero de Teatro Joven e que disputarán a fase final, a mediados do mes de maio, xunto a outros 16 grupos, un por cada unha das autonomías.

Os Premios Buero, non son ningún recoñecemento banal, está promovidos polos Ministerios de Educación e de Cultura, por varias Consellerías de diversas comunidades autónomas e pola Fundación Coca Cola. Participan centos de grupos de toda España e o xurado que os decide está integrado por nomes de enorme prestixio no mundo do teatro. Por iso, só o feito de alcanzar esta fase xa é de por si un éxito incontestable e un soño que moitos outros desexarían ter cumprido.

En fin, desexámoslle moita sorte a “Dormes?”, aínda que é evidente que non están onde están por cuestión de azar senón de talento. Oxalá podamos estar asistindo ao nacemento dunha brillante e nova xeración de actores, técnicos, etc, que revitalicen a linguaxe escénica estradense.

http://www.premiosbuero.com/default.cfm

jueves, 7 de mayo de 2009

TEATRO NACIONAL NEGRO DE PRAGA

TEATRO NACIONAL NEGRO DE PRAGA
'Las aventuras del Barón Munchaussen'
Patrocinado por Caixanova

TEATRO PRINCIPAL
Martes, 12 de maio ás 21:30 h.
Entrada: 10 €



Cando o mundo da infancia está a piques de desaparecer, enterra en cada un de nos algunhas das súas imaxes trazando unha misteriosa cartografía no fondo da nosa memoria amordazada pola traizón do cotiá, pero que está aí, latente, ofrecendo unha posibilidade constante de ser desentrañada e de desenterrar aqueles rumores de lenda, mito i espexismo que entón nos fixeron sentir tanto.
E teño a seguridade de que para moitísimos de nós, nesa especie de lugar onde habitan os personaxes da nosa nenez, como aqueles deuses do exilio de Heine que se resisten a morrer, pero que permanecen nun limbo fora do real, nese lugar de refuxio da fantasía ferida, reina entre moitos, o rei dos tolos, o Barón de Munchaussen, protagonista deses dous marabillosos textos alemáns, asinados por Raspe e Bürger e que desencadea en nós un torrente de imaxes fabulosas...o cabalo do Barón atado á punta máis alta dun campanario, cando todo un pobo xurde do desxeo, o propio Barón atravesando o ceo sobre unha bala de canón ou aferrado a unha bandada de patos, o seus increibles criados, a pavorosa imaxe da morte......e un sen fin máis que o converte nun dos libros máis máxicos que un neno pode ter nas súas mans.
E se esta idea cae nas mans dunha compañía, o Teatro Nacional Negro de Praga, que transforma en prestidixitación e feitizo encantado o acto teatral, estamos ante unha das oportunidades da nosa vida de asistir este martes a un espectáculo extraordinario, sen que entendamos esta palabra no seu banalizado sentido “ordinario”, senón, no que significa realmente: único, fora do común, insólito, á marxe do real.
A técnica do teatro negro consiste no uso da chamada “luz negra” que unicamente ilumina os homes e os obxectos tratados con fosforescencia. O resultado é unha explosión de cores dunha viveza extrema e converter o escenario nun lugar onde non rexen as leis da física e onde todo, absolutamente todo, é posible, abríndose unha terceira dimensión espacial no habitual desenvolvemento das representacións en paralelogramo plano.
O uso xa comentado da luz, do mimo, da música e o son, das proxeccións, do baile, baixo os raios case imaxinarios da luz ultravioleta, son os instrumentos que esta magnífica compañía, coñecida en todo o mundo, usa para propoñernos esta viaxe ao mundo dos contos, esta recuperación do noso imaxinario mítico esquecido. A “luz negra” foi descuberta en 1801 polo físico alemán Johan Wilhelm Ritter i describiuna como raios invisibles situados xusto detrás do extremo violeta do espectro visible. Quizais sexa isto unha certeira metáfora do que o teatro, e a arte, poden facer por cada un de nós: abrir as portas para ampliar o noso espectro visible, presentar ante os nosos ollos o invisible.






PD.- Aqueles que teñan unha cultura máis visual, quizais lembren a versión cinematográfica, dirixida por Terry Gilliam, cun John Neville inesquecible e na que xa despuntaba unha novísima Uma Thurman, absolutamente arrebatadora

lunes, 4 de mayo de 2009

WATER BROS PRODUCCIÓNS

Gostaríanos animar a calquera estradense que teña algo que mostrar, sexa do ámbito artístico ou cultural que sexa, que se poña en contacto con este blog. Músicos, fotógrafos, Graffiteiros, DJ´s, poetas, escultores, artistas gráficos..... Queremos saber de vos, axudarvos no que poidamos, e tentar entre todos que o voso traballo teña máis visibilidade.

No campo do audiovisual, realmente é unha enorme alegría poder contar aquí que hai un grupo de mozos na Estrada traballando dun xeito realmente moi imaxinativo, con sentido do humor e talento narrativo para o thriller, na creación de curtametraxes. Trátase do grupo Water Bros que xa ten circulando dende hai tempo na rede os seus primeiros traballos, con títulos tan atraíntes como

"Outra vella no millo"
"Colleunos a noite"
e a secuela
"Outra vella no millo 2"

Podedes visitar a súa web en:

http://waterbros.unlugar.com/

Añadilos ao Messenger en:

waterbrosproducions@hotmail.com

E tamén localizalos no Tuenti.